As xentes de Vila de Cruces estiveron presentes en máis dunha ocasión nos grandes acontecementos da historia galega nos tempos pasados. En situacións puntuais, como a sublevación irmandiña ou a guerra contra os franceses, na carlistada ou nalgunhas protestas campesiñas, os seus habitantes tiveron certa participación, difícil de cuantificar, e noutras ocasións militaron ou foron testemuñas de primeira fila no desenvolvemento e desenlace de acontecementos importantes no devir da rexión.

Aínda que haxa que engadir que, seguindo a tónica xeral dos pobos do interior, os da Galicia sumisa e rural, á poboación campesiña tocáronlle sempre os peores papeis da función, sempre os de víctima e raras veces os de protagonistas do acontecer histórico.

Dentro da comarca, e pola súa maior proximidade a Santiago, o Concello de Vila de Cruces sentíu máis de preto a súa presenza, con todas as súas vantaxes e tamén con todas as súas servidumes; e aínda que non caía dentro dos límites históricos da chamada Terra de Santiago, por atoparse ó Sur do Río Ulla, o secular señorío exercido aquí pola Mitra fai que todo posible relato da historia local pase necesariamente polos arquivos composteláns e as súas referencias documentais, principalmente ata comezos do século XVI.

Xa na España dos Austrias e dos Borbóns, o poder centralízase cada vez máis e perde interese a crónica local; a documentación existente é puramente administrativa (os tributos, os arrendamentos forais, os preitos), aínda que isto nos permita coñecer máis de preto a condición social do home do campo. E ese coñecemento será máis completo o día que saia á luz a riquísima información local que gardan os arquivos parroquiais.

Nos distintos apartados que aparecen na marxe esquerda pode profundizar máis na historia deste municipio e comprender mellor a súa situación actual.

Primeiros tempos

Se os primitivos poboadores buscaban para establecerse a cercanía dos ríos, cunha orografía apropiada para garantir a defensa dos poboados, zonas con auga, caza e pesca abundantes, e con solos idóneos para o cultivo, non pode extrañar a súa presenza no Concello de Vila de Cruces. Xa antes de habitar nos castros, que seguen moi presentes na xeografía local, da súa presenza fai máis de 4.000 anos deixáronnos probas en algús grupos dispersos de mámoas, na súa maior parte xa destruídas, e no máis numeroso e importante de todos, na necrópole situada neste lado da Serra do Carrio, sobre unha campa do monte baixo de O Camballón.

Da vintena de enterramentos aquí existentes, algúns foron excavados nos anos 1975 e 1976 por arqueólogos da Universidade de Santiago de Compostela, que descubriron outros tantos dolmens de pranta circular e poligonal, con algunhas das lousas decoradas con liñas onduladas, ou granxas de tres en tres; e entre os restos funerarios, un coitelo de sílex, varias puntas de frecha, tres láminas de ouro e numerosos fragmentos cerámicos, como os correspondentes a cinco vasos e a unha vasixa campaniforme.

Este importante campo de mámoas, adicado a enterramentos colectivos, correspondería ó chamado megalitismo final, que se desenvolve en Galicia en torno ó ano 2.300 a.C. E da mesma época parece ser a inscultura de círculos concéntricos situada a 500 metros ó leste da necrópole.

De tempos posteriores, pero especialmente interesante, é a densa xeografía de castros locais, que rexistra unha vintena destes poboados primitivos: Cumeiro, Gres, Camanzo, Insua, Larazo, Añobre… Hai, ademais, varios topónimos que denuncian ou suxiren algún tipo de actuación humana nos tempos prehistóricos: A Croa (Salgueiros), Moa (Merza), Covas (Carbia), Fornelos (Toiriz), Castrelo (Bodaño), ou o Monte das Covas, xunto a Vila de Cruces.

E despois dos tempos prehistóricos, un longo silenzo. Se quixeramos decir algo acerca da historia do Concello de Vila de Cruces durante os séculos da romanización, ou dos que seguiron á caída do Imperio Romano baixo os suevos ou visigodos, non fariamos máis ca especulacións. De todos modos parece ser que se atoparon moedas dos césares nas minas de Fontao, pero do que non cabe dúbida é de que a primeira gran ponte local sobre o Ulla foi construído baixo o Imperio Romano, aínda que a que se contempla hoxe en día sexa dunha época moi posterior.

Como no resto de Galicia, hai que supor que tamén aquí os poboadores dos castros foron biaxando ós vales durante a longa pax romana, aprendendo o manexo do arado e un mellor cultivo dos campos, foron construíndo unha lingua común e fixaron unhas certas normas de convivencia, etc.

Carecemos tamén de novas sobre as algaradas dos invasores árabes na zona. Aínda que hai que dicir que en Galicia foi maior o terror que inspiraron os mouros, que quedou impreso na alma galega durante moitos séculos, que os efectos da súa presenza, que foi moi curta. O seu recordo só pervive aquí en topónimos como Portodemouros ou nos referidos ás consabidas lendas dos castros.

En todo caso, se se acepta que Almanzor arrasou o Mosteiro de Carboeiro no ano 997, cabe pensar que faría o mesmo nos cercanos de Camanzo e Piloño, próximos ó camiño que seguía cara a cidade do Apóstolo.

Primeiras anotacións

Entre as primeiras mencións ó Pobo das Cruces que aparecen anotadas atopamos unha no dubidoso concilio celebrado en Lugo no 569, nas actas do cal inclúen o comitatus Merciensis (de Mencia) entre os territorios pertencentes á diócese de Iria; e outra do ano 896, na que un tal Sisnando doa á súa muller Ildoncia varias villae, e entre elas a de Pastoriza.

Pero a cita máis ampla é a que menciona por primeira vez os topónimos Carvia et Uliares, nunha doazón do bispo Sisnando no 966 ó mosteiro de Sobrado. Ademais, cinco anos máis tarde, no 971, os condes de Présares, pais do bispo, fan inventario de todo o doado por eles e os seus fillos ó mesmo mosteiro, e inclúen na súa relación a vila carvia et Avaonio, vila Uliares cum ecclesia sancte Marie, vila Aureolis, Botanio et Venesegio: Carbia e Loño, Ollares, Oirós, Bodaño e Besexos.

Durante os séculos seguintes séguense rexistrando numerosas doazóns como a anterior, compras e vendas de terras a vasaios, permutas, etc. que quedaban reflexadas en documentos. Nestes documentos seguen aparecendo referencias a estes e outros lugares do Concello de Vila de Cruces.

Fundación de Camanzo

A finais do século IX comeza a soar con forza, dende o Ulla ata o Miño, o nome de Betótiz, Bettote ou Betote. É un home poderoso, con influencia na corte de León, que inicia no Deza unha estirpe da que sairán dúas raíñas: as súas netas Aragonta e Elvira. Aínda que son os pais destas, o conde Don Gonzalo Betote e Dona Teresa, os que farán perdurable o seu recordo na comarca pola fundación de, polo menos, tres mosteiros: Camanzo, Carboeiro e Piloño, nesta orde.

De tales fundacións, que se poden situar nos anos trinta do século X, decatámonos pola súa filla Aragonta, que en 966 así o declara no reparto dunhas salinas na costa, do que resulta beneficiario o Mosteiro de Camanzo e, en menor cuantía, o de Carboeiro; pero tamén recibe unha parte o de Piloño, que aparece así vinculado ós Betote, o cal permite atribuirlle a súa fundación.

Desa data arrinca, polo tanto, a historia documental do máis importante mosteiro de Vila de Cruces, aínda que Vila de Cruces xa contaba, ou ía contar moi pronto, con outras casas relixiosas menores, tal vez só prioratos, como son as de Toiriz, Alcobre, Oirós ou Brandariz, que aparecen mencionadas en distintos documentos de datas posteriores.

Pasaron só dous anos dende o reparto das salinas e no 968 os normandos comezan unha ocupación de Galicia, que durará tres anos, e que deixa a rexión convertida nun eiral. Por outra banda, os descendentes do conde comezan enseguida a disputar pola propiedade dos mosteiros, coa conseguinte anarquía nas casas. E por se fora pouco, no ano 997 Almanzor saquea Santiago de Compostela e os pobos do seu arredor.

Non se sabe se este caudillo árabe destruíu tamén os mosteiros e cenobios da beira dereita do Deza cando arrasou o de Carboeiro, pero o que é certo é que pasou todo un século sen que se volvan a ter novas destas fundacións, nin das principais nin das máis pequenas. Destas últimas volvemos a ter novas no ano 1087, cando a infanta Dona Elvira doa á igrexa do Apóstolo a metade dos mosteiros de Piloño, Oirós, Alcobre e Brandariz; e en 1100, cando Alfonso VII entrega a outra metade para o sostemento do cabildo compostelano. Así comeza o proceso de incorporación da Terra de Deza á Igrexa de Santiago, que se vai ver acelerado baixo o pontificado de Xelmírez e remataría, aínda sen abarcar toda a comarca, no ano 1165.

Xelmírez en Vila de Cruces

O século XII é o de Xelmírez, o do esplendor de Santiago de Compostela e o das grandes obras do románico. Cando no 1111 Arias Pérez e os seus secuaces sitian ó herdeiro da coroa (futuro Alfonso VII) en Castrelo de Miño, é chamado o arcebispo para negociar un arranxo; e conta a Historia Compostelana que Xelmírez diríxese coa súa comitiva ata o río Arnego, bordeando as terras de Deza dominadas polo cabecilla da revolta, e aquí agarda noticias dos sublevados. Cando recibe garantías sobre a súa seguridade na negociación, que resultarían falsas, o arcebispo abandona estas terras en dirección a Ourense, posiblemente pola ponte de Toiriz.

Cabe supoñer que o prelado estaría acollido durante a súa estanza nalgún dos mosteiros locais, que na súa maioría pertencía xa á Igrexa de Santiago de Compostela, excepto, de existir naquel momento, o de Toiriz, que dependía da abadía de Sobrado, e o de Camanzo, que é doado asimesmo á sede compostelana, xunto coa igrexa de Merza, o 3 de xaneiro de 1115.

Naquel momento a raíña Dona Urraca, que establece e rompe constantemente as súas alianzas con Xelmírez, volve a estar en horas baixas e precisa o seu apoio. O 20 de xuño de 1120 entrégalle o señorío da chamada ínsula Laonio, a illa de Loño, a fértil terra en forma de península que antes de ser inundada polo embalse formaban na súa confluencia o Ulla e o Arnego. O seu recordo pervive en dous topónimos: Insua e Loño.

Pero antes de pasar un ano a raíña rompe de novo as paces co arcebispo. En 1121 o conde de Deza Bermuda Suárez acababa de construir o castelo de Cira e Dona Urraca, alegando que o levantara sen o seu permiso, mandou que fose encarcerado e despois deulle a liberdade a cambio da flamante fortaleza. E non tardou en confiarlla a Xelmírez, sen que se saiba moi ben aínda o por que.

Durante o tempo que estivo prisioneiro os veciños monxes de Camanzo e o seu abade Pedro colmárono de atencións e o arcebispo, unha vez liberado, agradeceullo doando ó mosteiro en 1122 os dezmos de realengo existentes entre Palatios (Pazos, de Oirós) e Arnobre (Añobre). E hai que sinalar tamén que dende esta data ata 1197 o mosteiro volve a vivir un longo silenzo de 75 anos, tempo en que se considera incorporado á reforma promovida por Cluny, como fixo Carboeiro.

O mosteiro de Carboeiro reaparecerá na historia para sufrir durante os séculos XIV e XV unha longa agonía de presións e atropelos por parte dos poderosos, pero non sucede o mesmo cos de Oirós, Alcobre ou Brandariz. A última referencia ós dous últimos é de 1110, nunha bula do Papa Pascual II, que confirma a súa pertenza á Igrexa de Santiago, así coma os límites do seu territorio, que chegaba de O Carrio a Portodemouros.

A ribeira sacra do ulla

Na escritura da doazón de Camanzo, de data 23 de xullo de 1122, Xelmírez expresa a súa vontade de protexer sempre este mosteiro, para que se conserve florecente, tanto no convento coma nas ermidas da súa contorna diseminadas pola ladeira do monte. É un dato, este último, que nos permite imaxinar aquí unha zona poboada de eremitorios, formando unha pequena Tebaida, que non sería a única do territorio. E pensando ademais na ducia de casas relixiosas que, polo menos ata ese momento, había en ambas beiras do Ulla (Camanzo, Piloño, Alcobre, Brandariz, Toiriz, Oirós, Carboeiro, Ansemil, Ledesma, San Xoán da Costa, Pousada e San Xusto), presididas polo Pico Sacro, ¿por que non definir unha zona ribeireña con tal concentración monacal como outra rivoira sacrata, A Ribeira Sacra do Ulla?

Á morte do arcebispo Xelmírez a Igrexa de Santiago xa exercía una amplo señorío sobre as terras do sur do río Ulla. Pero ese dominio redondéao no ano 1165 o rei Fernando II, dándolle xurisdicción sobre todo o territorio de Deza; e volve a incluir expresamente nel, por se quedaba algunha dúbida, a Illa de Laonio e a terra de Piloño. Anos máis tarde, para facer memoria desa concesión real, unha bula do Papa Alejandro III confírmaa no ano 1178.

Compostela ía ampliando e consolidando o seu señorío nesta zona, aínda que tamén comezaba a ter problemas para facelo respectar. E isto ocuparalle tempo e enerxías durante os séculos seguintes. Unha primeira experiencia sufriuna por esas datas o arcebispo Martín Martínez, que por necesidades de caixa tivo que empeñar, entre outros lugares, os de Carbia, Piloño, Oirós e Sabrexo. E cando o arcebispo Suárez Deza quere recuperalos no ano 1181 ten grandes problemas para logralo.

A loita polos dereitos da propiedade desencadeaba a miúdo na violencia física, e sempre entre os poderosos. Aínda que había excepcións coma a que no ano 1246 protagonizou Don Maurano con outros veciños de Carbia: querían facer unha traída de auga dende o monte Medeneloa través do lugar de Pousadoiro, pero chegaron os monxes de Carboeiro e impedíronllo, ferindo a un clérigo que dirixía ós campesiños. É a primeira referencia documentada dun enfrontamento entre os campesiños e os grandes propietarios das terras e da primeira implicación social do clero na zona.

Os Gres

Na segunda metade do século XIII comezan a soar no entorno de Camanzo certas familias dispostas a compartir con Santiago ou disputarlle o señorío nestas terras do Ulla. Primeiro os Ledesma, alcaides do castelo do mesmo nome do outro lado do río. Despois, os Bendaña, tamén oriundos da veciña parroquia do mesmo nome, con toda a súa corte de cabaleiros e escudeiros, entre os que figuraba o xoglar Pero Moogo, que chegaron a administrar as mellores propiedades do mosteiro.

E un pouco máis tarde chegaron os Gres, que fan a súa fortuna á sombra dos arcebispos de Santiago, primeiro como alcaides do castelo de Cira e administradores dos bens do seu coto e, máis tarde, como familiares do propio arcebispo.

E entre unhas e outras familias comezan a asfixiar ós mosteiros coas súas imposicións e esixencias ata o punto de que os monxes teñen que pedir protección ós reis, como fixeron Carboeiro e Camanzo no ano 1283 ante Sancho IV.

Pero por enriba de todas estas linaxes citadas, detacaba naquel tempo o dos Deza, que chegan ó cume do seu poder ó ser nomeado Adiantado Maior de Galicia Alonso Suárez de Deza, o cal perden en setembro de 1320 ó ser decapitado o cabaleiro dezano no castelo santiagués de A Rocha, perdendo así o pulso que tiña co arcebispo Berenguel de Landoira. Acto seguido, o prelado procedíu ó derribo dos castelos controlados polos Deza, comezando polo de Ledesma, de camiño cara a Merza e Carboeiro, onde descansa uns días antes de proseguir a súa campaña pola comarca.

Co ocaso dos Suárez de Deza soou a hora dos Gres, que afianzan o seu poder cando un membro desta familia, Martín Fernández de Gres, é nomeado arcebispo de Santiago no ano 1338. Un dos seus sobriños, Alfonso, arcediano de Trastámara, lega grandes propiedades ó cabildo compostelano e é agraciado cun espazo na catedral para construir unha sepultura. E o outro sobriño, Andrés, que foi nomeado Adiantado Maior de Galicia por Pedro I, pasarase a D. Enrique tras o asesinato do arcebispo D. Suero, en 1366. E pouco tempo despois aparece comprando terras que no seu día pertencían ó Suárez de Deza morto no castelo de A Rocha.

Os Ulloa

O poder dos Sánchez de Gres chega case ata mediados do século XV, co apoio doutros dous arcebispos, Lope de Mendoza e Álvaro de Isorna, cando xa teñen lazos de sangue coas principais familias de Galicia. Pero no segundo terzo desta centuria chégalles a súa quenda ós señores da Ulloa, que foron baixando coas augas do río dende o seu castelo de Pambre e rematarán aliándose co señorío da comarca.

Tamén grazas ó favor de Compostela, xa no ano 1422 comezan por administrar as feligresías de Trasdeza. En 1430 controlan varias fortalezas da Mitra, entre elas a de Cira. E pouco tempo despois gobernan todo o feudo do Deza. A medida que vai pasando o tempo van fusionando o apelido, a casa e os títulos cos Altamira, os Andrade e os Lemos, e seguirán, xa baixo os Austria, negándose a devolver á Igrexa de Santiago a xurisdicción destas terras que un día lle foi encomendada. Por tentar recuperalas o arcebispo Fonseca III entra en preitos en torno a 1512 coa Casa de Altamira. E o mesmo farán os sucesores a mediados dese século cos condes de Lemos.

A loita, aberta ou latente, pola propiedade de terras e vasaios na Galicia interior víñase desenvolvendo a tres bandas dende finais do século XIV, entre a Igrexa de Santiago, os nobres e os mosteiros. Pero estas, en busca da protección e defensa dos seus intereses, acaban caendo en mans dos primeiros quen, tras negarse a prestar vasaiaxe á Mitra a mediados do século XV, convértense nos señores da guerra, e rompen o fráxil equilibrio que rexía a sociedade galega.

O último terzo deste século é o de todos contra todos, incluidos tamén agora os campesiños, que se levantan contra os seus señores, fartos dunha servidume que se volveu insoportable.

O Castelo de Alcobre

O cume do monte de Alcobre (413 m.), entre Carbia e Piloño, é un excelente mirador sobre o val do Ulla. Nos tempos primitivos servíu de emprazamento para un castro (cítao a infanta Elvira na súa doazón do século XI), e sobre este foi levantando un torreón ou castelo. Sábese que no ano 1280 existía, pois en tal data apodéranse as tropas de Alfonso X de varias fortalezas de Mitra, e entre elas figuraba esta de Alcobre. Pouco despois foi devolto á Igrexa de Santiago polo fillo do Rei Sabio, Sancho IV.

A finais do século XV volve a ser noticia o cume de Alcobre. En torno a 1474 o arcebispo Fonseca, co fin de vixiar e controlar os movementos da guarnición de Cira, decide levantar sendas fortalezas nos cumes de Picosacro e Alcobre. Suponse que para a súa construcción se usaron os restos do antigo torreón e se contou coa axuda que poideran aportar cos seus carros e as súas mans os vasaios de Vila de Cruces.

Non lle agradou o plan do arcebispo ó de Altamira e, despois de convocar ós seus aliados (o conde de Camiña, Diego de Andrade e o mesmo bispo de Tui), viñeron xuntos a sitiar Alcobre. Vasco de Aponte, que relata estes sucesos, di que os sitiadores sumaban unhas oitenta lanzas e ata 1.500 peóns. Pero non resulta doado asaltar un castelo recentemente construido, con boas defensas e nun lugar de difícil acceso.

O Conde de Camiña (o famoso Pedro Madruga de Sotomayor) e o belicoso bispo de Tui querían comezar o asalto rapidamente, pero o de Altamira, mellor aconsellado, acordou retirarse a buscar outra solución. Esta consistiu en ocupar as ruínas do castelo de A Rocha, ás portas de Santiago, e negociar despois con Fonseca: deixarían libre este estratéxico enclave da Mitra se o arcebispo ordeaba derribar Alcobre. E así se fixo.

Os vasaios de Carbia terían que volver cos seus carros e cos seus bois á cima de Alcobre para derribar a fortaleza que acababan de levantar. No lugar só quedan o que parecen restos de cimentación e algúns foxos.

Rendas para a Universidade

Cando en 1495 o notario compostelano Gómez de Marzoa funda o chamado “Estudo Vello”, xerme da futura Universidade, o abade de San Martiño Pinario cédelle o edificio de Antealtares para albergar as súas aulas (o futuro mosteiro feminino de San Paio) e dóalle ademais as rendas que o mosteiro compostelán tiña en Camanzo, trala súa recente anexión desta casa.

Trinta anos máis tarde, ó ampliar a iniciativa de Marzoa o tercio dos Fonsecas coa fundación do colexio do seu nome (inicialmente de Santiago Alfeo), este arcebispo dótao de amplos recursos e, entre as cuantiosas rendas que lle atribúe, figuran as que a Igrexa de Santiago cobraba na parroquia de Piloño. Así consta na bula do Papa Clemente VII, que o 15 de marzo de 1526 aprobou dita fundación.

Pódese comprobar, polo tanto, a xenerosa contribución do Concello de Vila de Cruces ó nacemento e primeiros pasos da Universidade Compostelá. Pero hai que facer unha consideración: durante os trescentos anos seguintes non se atopa ningún nativo de aquí que logre acceder ó “Fonseca”. Entre os seus colexiais figura como natural de Merza Don Pedro Ramón Somoza, que en 1793 ingresou no prestixioso centro para coroar a súa prestixiosa carreira cun grao académico. E chegoulle un só curso para demostrar as súas boas cualidades, xa que ó ano seguinte foi elexido rector do colexio.

De todos modos, as orixes de Don Pedro parecen estar en Chantada e aparece vinculado a Merza porque o seu irmán Juan Francisco Javier, chamado a ser figura destacada da Ilustración en Compostela, estaba casado aquí.

As monxas de Camanzo

A finais do século XV asistimos ó final da agonía de Camanzo, primeiro como mosteiro e despois como priorato masculino. No ano 1605 o canónigo Do Hoyo, a raíz dunha visita, recorda que no seu día o mosteiro deuse por xustas causas ás monxas de San Paio, pero non dá máis explicacións.

A causa da crise de Camanzo hai que buscala na conflictiva situación que vivíu Galicia no último terzo do século XV. Os mosteiros sufrían a opresión dos poderosos, que administraban os seus bens e nomeaban ós seus abades. E no caso de Camanzo, ata tal punto se senten acosados polo conde de Altamira, que chegan a implorar protección ós Reis Católicos.

Esta grave situación, na que se atopaba a maioría das casas relixiosas, sobre todo as máis pequenas, fixo dexenerar de tal forma a vida monástica que algunhas tiveron que ser suprimidas e outras condenadas a perder a súa autonomía. No Deza, os mosteiros femininos de Órrea, Dozón e Ansemil quedaron como simples prioratos de San Paio de Antealtares a partir do 1500. E Carboeiro foi anexionado ese mesmo ano polo de San Martiño Pinario, que de ahí en adiante administraría as súas cuantiosas rendas. Camanzo seguíu a mesma sorte.

Cara a 1460 a comunidade quedara reducida a só tres ou catro monxes, que vivían pobremente. Vacante o cargo de abade, o prior queixábase entón de que os seus bens foran incautados por omes poderosos que nos amenaçan e desafían se non llos queremos dar. En 1462, aparece o que será o último abade, frei Vasco de Escoquedo, que rexerá a casa durante trinta anos, pero sen conseguir mellorar a situación. E en 1492 titúlase administrador perpetuo de sus bienes un tal Diego de Saldaña, nobre segundón e bispo de Beirut con residencia en Santiago, aínda que lle durou pouco a prebenda, pois tres anos máis tarde, dentro da reforma das ordes relixiosas imposta polos Reis Católicos, Camanzo é anexionado como priorato polo mosteiro de San Martiño Pinario, que cede as súas rendas ó fundador da Universidade.

Pero os encargados de levar a cabo a reordenación das casas femininas de Galicia decidiron establecer a súa sede central no caserón de San Paio, e Camanzo foi cedido coas súas propiedades á nova abadía. Así foi como pasou a pertencer ás monxas compostelás e Gómez de Marzoa quedou sen rendas e sen albergue para o seu Estudo Vello. Isto sucedía en 1499, aínda que a adscripción definitiva aparece rexistrada no ano 1515.

De ahí en diante a abadesa de San Paio terá todas as facultades en Camanzo: ordear a comunidade, nomear capelán e vicarios encargados das parroquias dependentes do priorato, administrar os seus bens, etc. E así o fará, aínda que cada vez con máis problemas, durante case 350 anos. Non hai constancia de que as monxas chegasen a formar unha comunidade estable en Camanzo, só o farían de xeito provisional e en moi contadas ocasións.

Fame, peste e riadas

A partir da mortífera peste negra que asolou Europa durante a primeira metade do século XIV, a fame e as epidemias caían sobre Galicia periodicamente. Pero a súa incidencia foi máis frecuente a mediados do século XVI e revestíu especial gravidade entre 1563 e 1566. Tras dous anos de malas colleitas a fame cebouse sobre a poboación. E despois invadíu a maior parte do Reino a mortífera peste bubónica. A epidemia desapareceu en 1570 grazas ás fortes choivas e nevadas daquel inverno. Pero foi tal a duración e intensidade dos augaceiros que o Ulla mantivo inundadas varios meses as terras da súa beira. Incluso o 18 de febreiro de 1571 a riada arrasou o mosteiro San Xoan da Coba (que estaba río abaixo, ó abrigo da garganta que hoxe salva a liña férrea) e destruíu varias pontes.

A ponte de Ledesma – Gres resistíu a embestida das augas, pero sufríu grandes desperfectos. A súa reparación levouna a cabo o mestre de obras da catedral, o cántabro Juan de Herrera, arquitecto da sacristía de Sobrado dos Monxes e principal representante do Renacemento purista de Galicia. Pero tan só uns anos máis tarde, en 1580, o cabildo compostelano ten que volver a destinar cartos para a súa reparación.

Volveron a ser anos de gran escaseza de alimentos os comprendidos entre 1597 – 1599, 1618 – 1620 e 1628 – 1630. E rexistráronse situacións parecidas nos seguintes séculos, con especial gravidade en 1738 – 1739 e en 1769. De todos modos non se ten coñecemento dos efectos que produciron sobre as xentes de Vila de Cruces estas fames.

Tampouco se sabe a ciencia certa o efecto das epidemias, que case sempre chegaban polo mar. Tamén os camiños reais servían de vías de contaxio, e por aquí pasaba un. De todos os xeitos, non debeu ser unha zona á que lle afectasen moito, pois o canónigo Do Hoyo, a comezos do século XVII, di que as monxas de San Paio se viñan refuxiar ó priorato de Camanzo cando había peste en Santiago e que quedaban aquí ata que o perigo pasaba.

Do románico ó barroco

No que respecta á arquitectura houbo dous séculos que foron especialmente edificantes: o XII, tempo sereo e románico, e o XVIII, do esplendor do barroco.

Durante o primeiro levantáronse no Concello de Vila de Cruces as primeiras igrexas coa sobria beleza daquel estilo monacal, cos seus arcos de medio punto, as súas columnas adosadas, as súas adornadas portas e os seus capiteis multiformes.

E durante o século XVIII amplíanse ou reconstrúense de nova pranta os primitivos templos e levántanse pazos e casonas da fidalguía rural.

De todas as igrexas levantadas no século XII, é a do mosteiro de Camanzo a única que conserva unha boa parte da fábrica primitiva. Séguelle a de Merza, coa súa porta e a súa ábside románicas, case intactas. E tamén se mostran algúns elementos orixinais as de Losón, Bodaño e Toiriz. Case todos as igrexas feitas neste século resurxiron no seu día cunha nova pranta e unha nova imaxe, eliminando calquera aceno da súa identidade románica.

Esta transformación prodúcese, na maioría das parroquias, no século XVIII, seguindo a moda que dictaba Compostela e os grandes mosteiros do Císter. Unha das primeiras igrexas que inauguran o barroco é a de Brandariz, levantada a principios dese século polos frades mercedarios de Conxo, que eran os maiores rentistas locais. E a esta seguen, entre outras, as de Toiriz (1723), Duxame (1750), Asorei (1760), Carbia (1766), Loño (1777), As Cruces de Besexos (a primitiva capela en 1770 e a do santuario da Piedade en 1790). A propia igrexa de Camanzo tamén sufríu en 1722-1725 a amputación dunha parte da súa fábrica románica e quedou coa estrutura que mostra hoxe.

No que respecta á arquitectura civil, o barroco sementou as terras do Concello de Vila de Cruces coas Casonas e pazos fidalgos, en boa parte construídos ou ampliados no século XVIII: Merza, Duxame, Arnego, Cumeiro… Este foi o século de ouro da fidalguía rural, con nomes coma os seguintes: os Otero Bermúdez de Soutomaior, de Duxame; os influíntes canónigos Mella, de Arnego; os Caxide, de Besexos; os Turnes, de Piloño; os Bermúdez de Ulloa, de Loño; os Neira, de Gres; os Somoza, de Merza; ou a casa Altamira, en Cumeiro.

Os servos da terra

Dende o século X ó XV, os campesiños viven a mercede dos reis, dos mosteiros, dos nobres e da Igrexa de Santiago e, a partir do XVI, caen progresivamente na escravitude do réxime foral que, a través da fidalguía rural, reencarnase en novas formas de servidume ata ben entrado o século XX.

É fácil imaxinar a situación dos campesiños nesta sociedade de señores e vasaios, que apenas cambia co paso dos séculos. Un ilustrado, o canónigo compostelán Sánchez Vahamonde, laiábase en 1782 da infeliz condición destes homes, que téndose empregado toda a vida nas maiores fatigas do traballo, viven na indixencia, alimentados escasamente, envoltos nun tosco saial e, ás veces case espidos, oprimidos polas vexacións dos seus señores, tiranizados das inxustizas, arrastrados ás cárceres polos acreedores, abatidos e desprezados polas outras clases.

A economía señorial tendía á absorción de todos os excedentes da produción agraria, deixando ó campesiño só co que precisaba para subsistir e, desa forma, imposibilitaba calquera mellora social. E non eran só as rendas dos foros as que levaban boa parte do froito do seu traballo, senón que tiña que soportar outras servidumes, ás veces moi curiosas.

Unha mostra do que sucedía no Concello de Vila de Cruces témolo nos seguintes casos dalgunhas parroquias da zona, que pasaran no seu día do señorío de Carboeiro ó de San Martiño Pinario. A finais do século XVIII os tributos e servizos ó mosteiro compostelán ou, na maioría dos casos, ós intermediarios que tiñan subarrendados os dereitos forais, eran os seguintes:

A parroquia de San Pedro de Losón rentaba cada ano 168 ferrados de centeo, 51 de trigo, 16 capóns e 5 reais.

A de Santo Tomé de Insua, uns 130 ferrados de trigo e centeo, catro capóns e catro galiñas.

A de Carbia, 36 ferrados de centeo e un carneiro.

A de Cumeiro, 35 ferrados de centeo, sete de trigo, dúas galiñas e dous capóns.

A de Salgueiros, 63 ferrados de centeo e dous capóns.

Un caso singular constituírono Merza e Fontao, cando os seus veciños tiñan que soportar a “corvea”, nada frecuente en Galicia, consistente na obriga de servir a Carboeiro toda a leña que precisase o convento e os veciños tiñan que turnarse para acudir cada día un deles a partir esa leña. No ano 1662 libráronse desa carga a cambio de 72 ferrados de trigo cada ano.

Na maioría das parroquias outra das obrigas dos foreiros era a de pagar ás abadías, coa entrega do mellor vestido e roupa da cama á morte dun cabeza de familia. Ou a luctuosa, a mellor cousa de catro pés, tamén por falecemento. Ou o xantar… A cera, o mel, unha prestación laboral e, finalmente, unha cantidade en metálico foron suplindo esas antigas cargas. En Piloño, por exemplo, xa en 1534 cada veciño pagaba medio real para librarse de dar o xantar ó señor ou ó seu administrador na visita ás súas terras.

Rapiñas e trifulcas

A historia de Vila de Cruces está chea de enfrontamentos entre os donos das terras e non está exenta de preitos, trifulcas e protestas campesiñas.

Así, xa no século XVI, os monxes de San Martín queixábanse, e con razón, do acoso que as xentes do Arcebispo facían ós seus colonos nestas terras. A seguinte cita dá conta diso: O 20 de xaneiro de 1514, día da romería de San Sebastián en Picosagro, en terras do mosteiro, o merino do arcebispo no coto de Piloño, “acompañado dalgúns peóns armados de lanzas, espadas e ballestas, apoderouse de toda a esmola, consistente en candeas, centeo, polos e uñas de porco” (López Ferreiro, VIII, 24). E a muller do merino, cos seus criados, volveu facer o mesmo coa colecta do primeiro domingo de maio seguinte …

Quen máis problemas tiveron foron as señoras de San Paio co seu pequeno feudo de Camanzo. Un deles, cando a finais do século XVII quixeron cambiar o capelán e administrador do coto, que era sacerdote secular, por un frade benedictino, con rango de prior. Pero foi tal a oposición dos colonos que remataron acudindo en manifestación a Santiago e lograron o seu propósito, ou polo menos atrasar o cambio ata 1707.

En diante, os vasaios feligreses porían frecuentes trabas á labor dos priores, que eran ó mesmo tempo pastores de almas e recaudadores das rendas. Como exemplo, o que rexía o coto en 1754, frei Martín Emelgo, ó cal os colonos trouxeron pola rúa da amargura: queimáronlle o hórreo, facíanlle secar os castiñeiros, derribábanlle os valos, estropeábanlle os apeiros de labranza e mandábanlle ameazantes anónimos. Así comezaba o texto dun deses ameazantes anónimos, que o prior atopou ó entrar na igrexa o 1 de xuño de 1782, e que transcribe Lucas Álvarez: “Frai Prasio Melgacho, páreco de Camanço, páreco de las demonias, tu acabas os probes, que lle vendes o que ten para comer. Tu non nos vestes, como fai o de Piloño; tu non lles das ferrados de grau, como fai o de Bendaña. Tu acabas os probes dos feligreses quos escribanos, tu queres acabarlos de todo (…) Pois, se non despachas os escribanos e si non dis a missa a de po la mañá as sete e se non mudas de vida, guramos a Dios y a esta + que as de aparecer queimado…”. Asustado, o prior queixouse á abadesa, intervíu a xustiza e algúns veciños remataron encarcerados. Consérvanse varias das súas cartas declarándose inocentes ou pedindo clemencia.

Vila de Cruces contra Napoleón

O día 4 de marzo de 1809, a xunta de defensa constituída en Trasdeza fronte á invasión napoleónica insta ás xustizas dos cotos de Cira, Carboeiro e Piloño, entre outros da comarca, a que inmediatamente póñanse en movemento, alarmen e concurran con prontitude á ponte de Ledesma, para conter ós inimigos franceses por onde intentan invadirnos. E catro días despois, xa convenientemente situados os paisanos na ponte e nas alturas inmediatas, teñen o seu primeiro enfrontamento co exército inimigo, procedente de Santiago e composto por uns 2.500 homes.

Aínda que os invasores, que dispoñían de artillería pesada e dun groso corpo de cabalería, estiveron nalgún momento a punto de abrirse paso, foron finalmente rexeitados. Houbo 200 baixas entre os inimigos, mentras que os valentes dezanos só rexistraron 4 mortos (2 deles afogados no Ulla) e 21 feridos graves.

Ó día seguinte, 9 de marzo de 1809, os franceses cambiaron de táctica, lograron cruzar a ponte de Cirela e derruíron as provisións dos nosos (600 racións de pan e 24 moios de viño). Pero, ó non poder gañar terreo, retiráronse a Santiago.

Hai que dicir, en honra á verdade, que as baixas sufridas polos paisanos foron moi superiores ás que rexistran as crónicas. Basta sinalar que os libros de defuntos das parroquias do veciño municipio de Silleda anotan o falecemento dunha vintena de veciños, homes e mulleres, na defensa da ponte de Ledesma.

Os franceses volveron á carga ós poucos días. O día 19, a primeira hora da mañá, conseguiron, por fin, vadear o río coa cabalería e poñer despois en fuga ós defensores da ponte de Ledesma. E unha vez en Gres, segundo as crónicas, saciaron su rabia y coraje en los pobres viejos labradores, mujeres y niños inocentes, robando y quemando; converteron en prisión a casa de Arteaga, a carón do río, e puxéronlle lume a media parroquia.

Para frear as continuas correrías de pillaxe pola comarca, esta ponte sobre o Ulla seguía sendo de vital importancia, pero carecíase dos medios para manter o seu control. Dous meses despois dos feitos citados, o 20 de maio, a Xunta de Trasdeza informa de que su síndico se desplazó a Vigo para suplicar al comandante en jefe D. Pablo Morillo que mandase al puente de Ledesma alguna gente de tropa para que el enemigo no nos acabe de aniquilar. Moi mal debían andar as cousas, aínda que, afortunadamente, o pesadelo non se prolongou moito tempo xa que os invasores tiveron que retirar as súas tropas de Galicia ó mes seguinte.

Como unha achega máis desta terra á loita contra Napoleón, debemos sinalar que en xaneiro de 1809, poucos días antes de que entrasen en Santiago, os frades dominicos entregaron para mantemento do exército 400 ferrados de centeo que tiñan almacenados nas tullas de Carbia e Sabrexo, producto das súas rendas en ambas parroquias.

O tempo dos faciosos

O século XIX, sobre todo nos seus primeiros terzos, estivo marcado por diversas convulsións políticas e sociais, coincidindo cos estertores do Antigo Réxime. E non se librou delas Vila de Cruces.

Primeiro foron as loitas entre conservadores e liberais, nas que tivo un especial protagonismo a comarca do Deza. E despois chegou a carlistada, tamén con varias figuras locais, que en máis dun caso rematarían pasando de faciosos, nome que lles daba o pobo, a bandoleiros.

Os roubos, secuestros e asasinatos realizados polas gavillas carlistas a partir de 1835 aconsellaron establecer media ducia de cantóns militares na comarca para velar pola súa seguridade; o de Vila de Cruces tiña a súa sede na capital do municipio, primeiro na Casa de Uceira e despois na de Mendoza. E cóntanos Francisco Vilariño, cronista dezano da época, que o 10 de xaneiro de 1837 un grupo de soldados acantonados foron patrullar á feira de A Goleta. Pero esta era a ocasión que agardaba o cabecilla facioso Vilanova de Tuiriz, que cercou o cuartel e obrigou a renderse ós sete militares que quedaban de retén. Seguidamente fíxoos camiñar ata a citada feira, da que xa marcharan os outros soldados en busca de reforzos, e alí mandounos fusilar ante o terror e as bágoas dos feirantes, despois de torturalos.

Tras ser capturado e axusticiado Vilanova en 1838 (igual que o foi dous anos antes outro cabecilla destacado, Agustín López, de Piloño), sucedeuno no mando Vicente Caxide, que remataría acolléndose á amnistía pactada no Convenio de Vergara. Non seguiron o seu exemplo moitos dos integrantes daqueles grupos: formaron gavillas de bandoleiros, ó mando de tres ou catro cabecillas coñecidos de Vila de Cruces e seguiron extendendo durante varios anos o terror na zona, ata que foron caendo ós poucos nas mans da xustiza.

Entre as figuras políticas de Vila de Cruces na segunda metade do século XIX, Vilariño destaca a Segundo Vispo, como representante do partido progresista do xeneral Espartero.

Das xurisdiccións ó municipalismo

Ata principios do século XIX o territorio estaba dividido en xurisdiccións e coto-redondos, dacordo co mapa herdado do Antigo Réxime, que dende a Idade Media se veu configurando segundo as respectivas dependencias de terras e vasaios.

Así, o que é hoxe o Concello de Vila de Cruces tiña as súas parroquias suxeitas ás seguintes xurisdiccións e señoríos, que de cando en vez compartían con outras feligresías alleas ó territorio:

  • Abeancos, do conde de Monterrey (Arnego, Besexos, Cumeiro e Ferreirós).

  • Brandomés, dos mecedarios de Conxo (Brandariz).

  • Camanzo, das monxas de San Paio (Camanzo).

  • Carboeiro, de San Martiño Pinario (Carbia, Bodaño, Fontao, Merza e Losón).

  • Caxide, de Joseph Pardo (Duxame, Loño e Portodemouros).

  • Cira, do conde de Altamira (Añobre, Bascuas, Gres e Sabrexo).

  • Piloño, do arcebispo de Santiago (Obra, Ollares, Piloño e Salgueiros).

  • San Xusto, de San Martiño Pinario (Insua).

  • Deza do conde de Lemos (Oirós, Asorei e Toiriz).

O primeiro intento de redistribución do territorio propiciouno a Constitución de 1812, plasmado en Vila de Cruces coa súa división en cinco concellos constitucionais: Merza, Camanzo, Ferreirós, Piloño e Cruces. Cando en 1822 é dividida Galicia en catro provincias, todos estes concellos englóbanse dentro da provincia e deputación de Vigo, a capitalidade da cal pasaría máis tarde a Pontevedra. E é nese momento (1835 – 36) cando o partido xudicial de Lalín é de novo redistribuído en só seis concellos, sendo a parroquia de Carbia a que dá nome e sede ó que hoxe é o Concello de Vila de Cruces. E o que por aquel entonces era o Concello de Carbia estaba composto por 27 parroquias, pois As Cruces aínda non o era.

As parroquias de Asorei, Fontao, Oirós e Toiriz pretenderon seguir incorporadas a Lalín, como estaban antes da reforma, pero o seu desexo non foi atendido.

Carbia mantivo a capitalidade do municipio ata o ano 1944. O 19 de setembro daquel ano o concello inaugurou a súa nova sede en Vila de Cruces, xa constituída en parroquia, e lugar de dúas importantes feiras mensuais. O que en principio era un pequeno poboado veuse consolidado dende finais do século XIX como un importante e prometedor centro de servizos e de comunicacións.