Neste apartado faise unha descrición pormenorizada do Concello de Vila de Cruces, tanto dende o seu aspecto xeográfico, coma dende o aspecto económico, social e cultural.
Vila de Cruces é un concello mediano da zona norte do interior da provincia de Pontevedra, cunha poboación en torno ós 6400 habitantes, de carácter rural e que está encravado nunha impresionante paisaxe de montañas e vales e rodeado por tres importantes ríos: Ulla, Deza e Arnego.
A pesar de ser un municipio principalmente adicado ó sector primario, cada vez é maior a diversificación da economía e parte dos habitantes do concello adícanse á industria ou ós servizos, xa sexa dentro do propio municipio ou en municipios próximos de maior tamaño, como por exemplo a capital de Galicia, Santiago de Compostela.
E o apartado cultural e deportivo é enorme e moi variado.
Nos distintos apartados que aparecen reflectidos a continuación pódese afondar máis en cada un destes aspectos.
Descrición Xeográfica
O municipio de Vila de Cruces está situado no límite mais septentrional da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte, no centro – oeste de Galicia.
É un dos seis concellos que configuran a comarca natural do Deza, e que forma con Lalín como cabeceira, Silleda, Agolada, Rodeiro e Dozón.
Dos seis municipios que integran esta comarca o de Lalín con 298 Km². é o maior da provincia, seguido polo de Silleda con 169 Km²., Rodeiro con 167 Km²., Vila de Cruces con 155 Km²., Agolada con 147 Km². e o máis pequeno é o de Dozón, con tan só 58 Km².
Dentro desa comarca, o de Vila de Cruces presenta unha imaxe xeográfica singular, xa que ademáis da sua fronteira fluvial cos municipios coruñeses de Boqueixón, Touro, Arzúa e Santiso, outros dous ríos o separan de Silleda e de Agolada, o Deza e o Arnego, respectivamente, ao tempo que a Serra de Carrio marca a súa líña divisoria co de Lalín, polo que aparece recortado no mapa como unha “península fluvial.”
E esta imaxe acuática vese reforzada por un mar interior, o embalse de Portodemouros, que alimenta na súa confluencia o Ulla e o Arnego.
A comarca pontevedresa do Deza, é unha comarca de límites ben definidos por accidentes xeográficos. Limita ó norte co río Ulla, ó sur coa cadea montañosa da serra de Candán, ó este coas serras do Faro e o Farelo, que delimitan a comarca frente ás terras de Lugo e ó oeste cos montes de San Sebastián de Meda e de novo co río Ulla, e abarca, polo tanto, unha superficie de 1.027 Km².
O relevo da comarca presenta caracteres de montaña, con altitudes que varían entre os 102 m. e os 1.177 m. sobre o nivel do mar. O relevo dezao é unha sucesión de montes, vales e suaves bagoadas que surcan os numerosos ríos que flúen polas terras da comarca. Ó leste, destaca a serra do Faro, que no seu cume alcanza a maior altitude da comarca. Ó sur da mesma, esténdese o Candán, que culmina en San Bieito de Candán segunda maior altitude da comarca. Nos límites do oeste, o monte de San Sebastián de Meda, A Rocha, O Chamor e Penadoiro son as alturas máis sobresaíntes.
A maior parte do territorio da comarca está comprendido nunha altitude entre os 400 e os 700 metros, incluídas as vilas capitais. Por debaixo dos 400 m. unicamente se estenden algúns vales nas ribeiras do Deza e Ulla, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces.
Relieve e Topografía
O relevo do municipio de Vila de Cruces presenta unha sucesión de vales e altiplanicies, na constitución dos cales xogou un papel importante a erosión selectiva efectuada sobre o rochedo metamórfico (micacitas na sua maior parte) e as ailladas rochas básicas que forman o solo.
Existe unha estreita relación entre litoloxía e topografía: as formas elevadas corresponden ó rochedo granítico, e o fondo, lixeiramente ondulado, ós esquistos sericiticos. Trátase dun altiplano disecado e de altitude máis ou menos constante, algo inclinado cara o cauce do río Ulla, que revela no seu descenso catro niveis de erosión derivados uns doutros. O primeiro fórmao o relevo residual das cumes de O Carrio, sobre o que encaixan sucesivamente os tres restantes: unha serie de elevacións que pertencen á superficie fundamental de Galicia (Madalena e Mirón, entre 600 e 500 m.) e acusan un descenso altitudinal de S. a N.; un nivel aquitaniense, de menos de 500 m.; e o nivel tortoniense, nun escalón inferior.
A serra de O Carrio, de relevo vigoroso, é un afloramento granítico (granito sintectónico, orientado), en medio de rochas metamórficas. Quedou en resalte polo efecto da erosión diferencial, debido á maior resistencia do granito, e dá lugar a que nestes cumes se conserve a superficie máis antiga de Galicia, enmarcada polo aplanamento fundamental das súas ladeiras.
Conforme nos aproximamos ó Ulla o rochedo faise máis variado. Unha serie de pequenos sistemas montañosos aparecen aliñados en dirección Noreste – Suroeste, similar á do afloramento de rochas básicas que xunto ó gran desnivel entre o canle do Ulla e as terras limítrofes, a presenza de manantiais de augas minerais, e a disposición dos materiais en pequenas bandas, estreitas e alongadas, parece reflexar un sistema de fallas que segue esta orientación. É probable que o Ulla siga unha destas líñas para cavar un profundo corte entre os aplanamentos que quedan a unha e outra beira. Neste encaixamento do río debeu ter importancia a tectónica recente, ainda que tamén puido influir no seu desenvolvemento un antigo corredor tectónico e a existencia de fallas, fracturas ou contactos entre materiais de distinta litoloxía.
As zonas de vales máis ou menos estreitos e encaixados alternan con outras de vales máis amplos e abertos que son consecuencia da erosión areolar. Os interfluvios levántanse vigorosos cando están constituidos por materiais duros e por relevos residuais, e teñen formas máis pesadas onde a erosión actuou con maior forza.
Hidroloxía
O concello de Vila de Cruces está circundado polos tres principais ríos da comarca: o Ulla e os seus afluentes, o Deza e o Arnego, que o convirten nunha península.
O Arnego, divisoria natural coas terras de Agolada, entra no concello por Toiriz e chega ás terras da feligresía de Arnego; aquí, tras recoller augas do regato de Vilar, vese remansado ó formar o encoro de Portodemouros na súa confluencia co Ulla. Dende o encoro, que inundou terras das parroquias de Arnego, Loño, Duxame e Portodemouros, o Ulla baixa unhas veces remansado e outras en torrente sobre vellos muiños agora inactivos. En Obra, pasa o río baixo a ponte de Remesquide, para chegar pronto á histórica Ponte Ledesma, onde orixina unha pequena illa.
Entre Gres e Cira, recibe o Ulla as augas de outro gran río da comarca, o Deza, para despois adentrarse nas terras de Silleda e da Estrada.
O Deza aparece por Losón, apañando augas no Carrio; e en Fontao, animando fermosas paraxes. Aquí recibe ó Orza, que se forma en Sabrexo e Oirós e, perto da ermita de San Paio, en Merza, o Toxa, río bravo de montaña, lánzase en espectacular cascada antes de rendir as súas augas no Deza.
Actualmente, o municipio salva as súas fronteiras fluviais por unha ducia longa de pontes, pero en outros tempos tivo graves problemas de comunicación, sobre todo cos seus veciños ó NE. O feito de que os documentos medievais chamen Insua de Loño ás terras limitadas pola confluencia do Ulla e do Arnego fala claramente do seu illamento tradicional, que en tempos pasados só podían romper en temporada a través do vado de Portodemouros; Río abaixo, o Ulla pasaba a duras penas baixo as pontes de vigas de San Xusto (Insua), Basebe (Salgueiros) e Remesquide (Obra), pero todas elas eran víctimas frecuentes das riadas. A única que logrou sobrevivir á forza das augas, se ben máis dunha vez con grandes desperfectos, foi a de Ledesma-Gres, sen dúbida a máis importante e tamén a máis antiga de todas as pontes do municipio.
Seguindo contra corrente o curso do Deza, atópase, case na súa desembocadura, a ponte de Cirela; e, río arriba, ca de Sopena en Cernadela, a nova de Sulago en Merza, a tamén moderna de A Carixa, a medieval de Carboeiro, ou a Ponte do Demo en Fontao. E xa na fronteira con Lalín, a máis recente e espectacular de Losón.
Xeoloxía e Edafoloxía
O territorio de Vila de cruces está formado por un altiplano que descende escalonado de sur a norte cara a canle do Ulla, con distintos niveis de erosión, como o máis elevado dos cumes de O Carrio (Penarredonda, 827 m.) ou o intermedio de alturas entre 600 e 500 metros, coma os montes Madanela e Mirón, pertencentes á superficie fundamental de Galicia. É na zona septentrional, ribeireña do Ulla, onde presenta o municipio as súas terras máis accidentadas, con montes e cerros de diversas alturas e caprichosa distribución, que obrigan ó río a torcerse e retorcerse, entre beiras rochosas e ás veces inaccesibles, ata que logra expraiarse nos vales occidentais.
O subsolo ofrece unha especial interese xeolóxica, non só porque dende mediados do século pasado foi considerado o único terreo semivolcánico de Galicia, pola suposta presencia nel de formacións basálticas, senón tamén pola variedade de minerais que alberga.
Estudos posteriores descartaron a presenza de formacións basálticas na zona, nas que se apoiaba o seu presunto carácter semivolcánico, pero seguen subraiando a súa interese xeolóxica. Da Serra do Carrio dise, por exemplo, que en ela “a resistencia das rochas fronte ós axentes erosivos explica perfectamente a súa orixe e fai que en cumes apareza conservada a superficie máis antiga de Galicia, a modo de relevo residual, en resalte sobre o aplanamento fundamental, que aparece encaixado nos seus flancos”.
As rochas e os minerais
Vila de Cruces ten o seu asento xeolóxico no chamado “Complexo de Ordes”, composto fundamentalmente por esquistos e rochas básicas. Os primeiros formáronse a partir de sedimentos mariños e de emisions volcánicas submariñas, cando toda esta área formaba unha gran cunca de sedimentación oceánica, hai máis de 600 millóns de anos; os esquistos amosan aquí distintas cores, do branco ó gris azulado, e a miúdo aparecen acompañados polos gneis. En canto ás rochas básicas e ultrabásicas, sobre todo anfibolitas e serpentinas, representan os restos dun gran manto de corremento que cabalgou sobre os esquistos antes citados durante a fase de formación das montañas galaicas, durante o Paleozoico. Son, por tanto, antiquísimos fragmentos de corteza terrestre oceánica profunda que montaron sobre a corteza continental, no gran xogo de choques entre as placas litosféricas. Xunto a estes dous tipos predominantes de rochas, aparecen de xeito moi localizado afloramentos do apreciado granito de dúas micas, fermosa materia prima da arquitectura local; o mesmo que a polícroma serpentina, de crecente aplicación como pedra ornamental.
En canto ós minerais, destacan sobre todos eles o wolfram e o estaño da ribeira do Deza en Losón e Fontao, protagonistas da longa tradición mineira Vila de Cruces; e xunto a eles, en menor cantidade, a pirita, a galena, incluso o ouro, que aparece asociado ós anteriores; o amianto, a circonita ou diamante pobre, no Deza, ó seu paso por Merza, e o topacio, preto de Portodemouros.
Vexetación
A comarca de Deza, que se encaixa fitoclimaticamente na rexión eurosiberiana da Europa Occidental, presenta algúns riscos de mediterraneidade, causados pola súa posición latitudinal e a súa proximidade ás costas.
O clima suave e algo de seca estival permiten a aparición en altitudes baixas de cortizos, érbedos e outros elementos propios da flora mediterránea, e así vemos como no municipio de Vila de Cruces, as manchas boscosas autóctonas de carballos e castiñeiros seguen alegrando a paisaxe, así como os bidueiros e os alisos, que a miúdo acompañan o curso dos ríos; e segue medrando a superficie destinada ó pino común e ó eucalipto, pola sua utilidade económica.
Singular interese botánico ofrecen as sobreiras da beira do Arnego, incluidos para a súa protección na Rede Natura 2000. Son árbores de querencia mediterránea, coma os érbedos que medran nas terras abrigadas de Toiriz, ou os limoeiros e laranxeiras de certas zonas ribeireñas, poboadas por vides (con Denominación de Orixe Rías Baixas) e froiteiras.
A perfecta delimitación da Comarca por elevacións montañosas que en forma de media lúa a encerran polo sur, noroeste e leste, e a depresión do Ulla polo norte, define un lixeiro basculamento da comarca cara ó noroeste, pois en ningún caso as alturas son superiores ós 1.100 m., non baixando as cotas inferiores dos 200 m.
Esta suave variación da orografía, as condicións climáticas, etc. fan que, xunto con evidentes contrastes, teñamos unha sensación de uniformidade.
Sen ignorar o carácter eurosiberiano da flora da rexión, non podemos deixar de citar a presenza de certos elementos mediterráneos de orixe lusitano-durense como son os cortizos (Quercus suber), os érbedos (Arbutus unedo) ou o rebolo (Quercus pyrenaica).
Xunto a estes, podemos citar, sen dúbida con maior presenza, outras especies tipicamente atlánticas: Quercus robur, Betula pendula, Betula celtibérica, Alnus glutinosa, etc. polo que se refire a especies arbóreas. Tamén é notable a presenza de Cheilantes marantae e outras especies serpentinícolas que se localizan en terreos de rochas ultrabásicas da parte media e baixa da conca do Deza.
Dito isto, podemos atopar na zona tres series principais de vexetación:
Serie das carballeiras colinas: esta serie corresponde a unha carballeira relativamente densa de Quercus robur, que ocupa chans pobres en bases con tendencia á podsolización.
Segundo IZCO, case non hai diversidade no estrato arbóreo, practicamente Quercus robur e nada máis. Debaixo non faltan Ilex aquifolium (“acivro”), Frangula alnus, Pyrus communis (“pereira”), Laurus nobilis (“loureiro”), Crataegus monogyna (“estripo”), etc.
O sotobosque arbustivo conta con prantas mediterráneas (Ruscus aculeatus, Daphne gnidium, Arbutus unedo (“érbedo”), Rubia peregrina, etc.) que coexisten con outros vexetais caducifolios eurosiberianos.
Unha primeira etapa de degradación destes bosques produce a matogueira densa de xesteiras, que teñen unha estrutura correspondente a un piornal de gran tala, rico en fieitos, silvas e toxos.
Unha etapa posterior conduce á matogueira degradada formado por uceiras que aparecen despois dos lumes continuos e polas repoboacións de piñeiros resineiros (Pinus pinaster sp. atlántica).
Debido á intensa explotación agrícola e forestal é difícil encontrar bosques ben conservados, o carballo foi substituído frecuentemente polo piñeiro marítimo ou bravo (Pinus pinaster sp. atlántica) e en zonas máis cálidas polo eucalipto, e en moitos casos atópase mesturado co castiñeiro (Castanea sativa). Por outra parte, os fondos dos vales, de chans máis profundos, foron roturados e neles aséntanse os pastizais e cultivos agrícolas (millo, hortalizas e viñedos).
Serie das carballeiras montanas: os montes de carballeira son relativamente frecuentes, sobre todo en zonas pouco aproveitables para a agricultura (pendentes fortes, chan pedregoso), concentrándose sobre todo en fondos de torrentes, xa que foron moi castigados polo lume nas zonas altas. Substituíuse nalgúns lugares por pastizais, pero sobre todo abunda o monte con matogueira de toxos e uces, con pés illados de carballo, reflexo de épocas de maior forestación.
Nun estado de degradación máis avanzado, as xesteiras dan paso á matogueira degradada, ás uceiras e ás toxeiras que ocupan grandes extensións.
Nesta matogueira son comúns o “toxo asnal” (Ulex europaeus), ”a queiruga” (Calluna vulgaris) e o “toxo femia”, así como diversas especies do xénero Erica, como a Erica cinerea (“carpaza”) ou a Erica aragonensis (“urce bermella”).
Serie das alisedas riparias: os bosques ribeiregos quedan practicamente reducidos a liñas ó longo dos leitos debido á intensa explotación destes ecosistemas, altamente produtivos, que foron substituídos por cultivos e praderías naturais.
Os bosques riparios colinos contan con “ameneiros” (Alnus glutinosa), “bidueiros” (Betula pubescens subesp. celtibérica) e “arracláns” (Frangula alnus) no seu estrato arbóreo e con “Osmunda regalis” e “Carex broteriana” no herbáceo.
Climatoloxía
O municipio de Vila de Cruces comparte o clima oceánico da Galicia interior, cunha temperatura media anual entre os 12 e os 15 graos, oscilando entre os 6-7º do mes máis frío (xaneiro) e os 18-19º dos máis cálidos (xullo e agosto), nos que a máxima absoluta supera frecuentemente os 30º. A transición entre inverno e verán, gradual e lenta, contrasta coa brusquedade do cambio de verán a inverno, que se realiza en só dous meses (outubro e novembro), cunha oscilación de temperaturas en torno ós 12º.
É necesario precisar, sen embargo, que en Vila de Cruces se rexistra a transición morfoclimática entre as cuncas alta e baixa do Ulla. É doado comprobalo entre Portodemouros e Añobre, onde o río serpentea entre montañas, a veces con beiras rochosas e case inaccesibles, e cun desnivel entre o seu canle e as terras limítrofes que á altura de Ponte San Xusto acada os 180 metros.
Na cunca do gran río distínguense tres tramos ou espazos ben diferenciados polas súas características xeomórficas e climáticas: o do alto Ulla, con clima oceánico de montaña; as terras occidentais da Ulloa, nas que se inicia a área de transición, e o baixo Ulla, que comenza en Vila de Cruces, con clima oceánico hiperhúmedo. Algo que é doado comprobar en parroquias como Añobre, Camanzo ou Gres, que apenas se diferencian nos seus aspectos morfoclimáticos das de Arnois ou Ribadulla, río abaixo.
Hai que sinalar, en todo caso, que o encoro de Portodemouros veu a modificar as constantes climáticas do seu entorno, con especial incidencia nos frutais e nas hortalizas, e tamén noutros cultivos, como aseguran os veciños das parroquias ribeiregas. Unha tal cantidade de auga embalsada constitúe necesariamente un elemento distorsionador, para ben ou para mal, do ecosistema anterior.
Por outra banda, as choivas, presentes todo o ano, caen con maior intensidade de novembro a abril, e merman considerablemente no verán. As precipitacións son abundantes (1.300 a 1.400 mm. anuais), aínda que os meses de xullo e agosto non soen superar os 60 mm.
Este mínimo pluviométrico, unido ás elevadas temperaturas de estes meses, provoca un déficit de auga en torno aos 150- 300 mm. totais.
Fauna
O Concello de Vila de Cruces conserva unha rica variedade de animais. Segundo datos do biólogo Ramón Balado, nos seus ríos viven sete das doce especies de peixes existentes en Galicia; doce das catorce especies de anfibios (entre eles, a curiosa salamantiga rabilonga), e nove das vintedúas especies de réptiles censados na rexión galega.
Entre as aves, da que se pode facer unha relación interminable, merecen especial atención – e protección – as rapaces, como o azor, o cernícalo, o aguiacho, o cárabo, o moucho orelludo ou o moucho campestre, moi raro en Galicia, e a presencia do cal foi detectada aquí nos anos oitenta. Aves de paso como o parrulo real, a garza e incluso algún corvo mariño poden verse en inverno descansando no encoro de Portodemouros, como o facían noutros tempos nos humedais da vaguada existente no cume da Serra do Carrio as limícolas avefrías.
En canto ós mamíferos, aquí están representados todos os insectívoros galegos, así coma nove dos dezaseis roedores e sete das dezasete especies de morcegos rexistrados en Galicia, con algún exemplar interesante do xénero Myotis. E dos carnívoros, os máis escasos e ameazados, aínda que se poden atopar a xineta, o texón, a nutria, a garduña, o furón, a comadrexa, o armiño, o raposo e, ocasionalmente, o lobo, outrora señor dos montes locais.
Referíndonos á comarca natural do Deza en xeral, podemos dicir que o retroceso da vexetación autóctona nos últimos tempos vese agravado no que fai relación á fauna, con algúns casos en camiño de extinción, tanto que, se non se lle pon freo, pode ser a nosa xeración a última en escoitar o canto do xílgaro, do cuco ou do verderolo. Resulta difícil xa contemplar o voo do azor, da aguia ou do falcón, admirar a veloz carreira da lebre ou escoitar a lúgubre voz da curuxa. A degradación do medio ambiente pon, pois, en perigo de extinción numerosas especies da nosa fauna salvaxe.
Podemos destacar como especies máis representativas da nosa comarca as seguintes:
Anfibios: Lagarto de auga ou tritón, a píntega o salamántiga, o sapo, a ra, a tartaruga, o liscante, o lagarto, o lagarto arnal, a cobra, a cobra de río e a cobra víbora.
Mamíferos: O ourizo cacho ou porco espiño, o musaraño, a toupa, o morcego, o coello, a lebre, a rata de auga, o rato, o raposo, o lobo, a donicela, a garduña, a martuxa, a lontra, o teixugo, o porco teixo, o furón, a xineta, o gato bravo, o xabaril, o corzo e o gamo.
Aves: O parrulo, a aguia, o azor, o gabián, o falcón, o lagarteiro, o moucho, a curuxa, a perdiz, o paspallás, a avetarda, a pita da auga, a ave fría, a pomba brava, o pombo, a rula, o cuco, o vencello, o peto, a laverca, a cotovía, a andoriña, a lavandeira, o picanzo, o estorniño, a pega marza, a pega rabilonga, o corvo, o corvo real, o carrizo, o reiseñor, a papuxa, o picafollas, o merlo, o tordo, o ferreiro, o gorrión, o pimpín, o paporrubio, o verderolo, o xílgaro, o pardal e o escribán.